Ex-Libris

EXLIBRIS: AMOR AO LIBRO

O exlibris xorde como unha manifestación de amor polos libros e ten unha función práctica que é a de informar da súa propiedade e garantir que un libro emprestado, perdido ou roubado vai  poder regresar a mans do seu lexítimo dono. Implicitamente conleva unha función estética, aínda que non sexa a primordial, xa que embelece e revaloriza o interior da encadernación á que vai pegado.

Até mediados do s. XIX os exlibris manteñen esta función práctica, son marcas de propiedade das elites sociais na poder, e a iconografía céntrase, xa que logo, en escudos de armas dos propietarios dos libros. Pero logo haberá unha mudanza -instituída tras a publicación do Barón de Tabley e de W.J.Hardy-pasando do tema heráldico ao figurativo, e este novo modelo abre portas a un campo infinito de creación para os artistas. É dicir, en canto por un lado persiste a súa función inicial de marca de propiedade, xeralmente con carimbos de caucho para indicar a pertenza a bibliotecas ou institucións públicas, nace un segundo vieiro que corresponde a obras de arte que os artistas realizan sempre cinxíndose a pautas fixadas pola FISAE mais con total libertade creativa.

E é nesta última ruta onde se achegan ao gravado convencional. Amosan trazos propios dos propietarios –gustos, afeccións, oficios-mais con temas máis libres como por exemplo mitolóxicos, literarios ou musicais, que permiten mesmo un toque erótico, e onde a tipografía se agacha, se abrevia e se intrega máis coa imaxe. Estas últimas son as estampas pretendidas polos coleccionistas de todo o mundo. Os patróns aprecían estes talentos e intercambian os excedentes dos seus encargos, e mesmo os propios artistas comezan a producir excedente tamén para intercambios, converténdose á súa vez en coleccionistas.

Son dúas rutas diferenciadas. A primeira, práctica, inmutábel, e a segunda, máis artística, impredicíbel e que evoluciona continuamente. E tanto é así, que na posmodernidade, están a abrir o que en principio foi un camiño conservador de técnicas tradicionais dentro da calcografía ou xilografía, cara outras técnicas asistidas por computador, sistemas litográficos e serigráficos.

En resumo, o exlibris é un método de expresión máis dentro do mundo artístico. Todas as manifestacións artísticas: pintura, debuxo, gravado, etc, están intimamente relacionadas con el, do mesmo modo que a bibliofilia e mais o coleccionismo.