Eme Cartea. O Museo do Gravado de Artes acolle a proposta expositiva da recoñecida gravadora, nada en Venezuela pero viguesade adopción, profesión e corazón, Yolanda Carbajales, e que certeiramente titula Á procura da luz. Unha denominación que provén do uso da súa especial técnica, isto é, o gravado á maneira negra, á media tinta ouao fume, inventada polo alemán Von Siegen no s. XVII: sorte de estampación que reproduce transicións de claroscuros con delicadeza e precisión fotográfica en branco e negro, fronte a outros procedementos calcográficos e tamén directos coma o buril, a punta seca ou o punteado. Moi empregada no retrato ao óleo e a copia de pinturas ata o s. XIX.
Granear, brunir, raspar unha matriz, preferentemente de cobre, ata lograr unha textura homoxénea de trazos punteados e rebarbas, por medio dun berce ouraedor (semicircular, dentado e en chafrán) que percorre toda a superficie, nun balanceo ao nesgo, ata en 32 direccións. Logo, dende o negro brumoso, o sabio manexo do rascón e do brunidor irán configurando suaves efectos tonais que, feita a tintura e a estampa, ilustrarán as imaxes.
Yolanda resucita e asume a maneira negra como un camiño esforzado fronte a outras técnicas máis actuais e doadas –a tal a augatinta, ou“falsa maneira negra”– e nela exercita a estética do sublime. Ademais, dá o salto ao gravado á cor, con sensible mestría, ao aplicar os achados de Le Blon sobre a tricromía (tres pranchas coas cores primarias), perfeccionada logo por G. d’Agoty, cunha cuarta prancha en negro (ou marrón).
O negro é a súa cor, como orixe e debilidade, pero en positivo: elegancia, profesionalidade, dominancia, nobreza, rebeldía, sobriedade… e misterio, esa parte indicible de nós e do mundo, esvaída e inefable, rexión do inconsciente que se resiste a ser enmarcada pola razón. E, entre o negro e o branco impolutos, a relatividade dos grises, esa gama inestable que brilla e se apaga, como unha metáfora ebria de luz incapaz de aprehender a evidencia.
Yolanda Carbajales crea e cre. Sabe que o gravado, igual ca o sexo, non é unicamente reprodución. Por iso, a súa arte di e oculta, insinúa e seduce. Porque é pureza e beleza que interpelan a nosa incredulidade como un escalpelo voraz. E porque as súas figuras transitan entre a esencia e o abraio, e cobran alento e perspectiva unidas por cabos conceptuais en puntos de encontro, tensión e agarre, tenaces de alegoría e imaxinación. Convite á introspección “onde habita a paz” e se escoita “o asubío do tempo”.
Expresión de abraio ante a textura hiperreal e esfiañada dos cabos, carnosos e esenciais, que nos obrigan a seguir a derrota hipotética da súa singradura, e mesmo abordarmos o barco fantasma amarrado ao peirao da arte. Menos é máis. Unha imaxe en espello na que nos miramos como narcisos rendidos á dobre visión do enigma que somos. Pura metonimia en claroscuro!